Março 2, 2021
Do Jornal Mapa
200 visualizações


Dous municipios do país levan case dous anos loitando contra o proxecto de reapertura dunha antiga explotación de cobre

rio

Na Galiza hai unha vila atravesada por un rego de cor laranxa. O seu nome nos mapas e sinais de estrada é Fonte Díaz, pero os seus habitantes refírense a ela como Touro, homónimo do municipio do que é capital administrativa. Touro foi, nos anos 90, un dos epicentros da festa nocturna galega. No 92 acolleu as gravacións do programa de variedades con maior índices de audiencia da televisión pública galega. Agricultura e gandería, máis o ocio nocturno, foron naquela década focos de emprego para o municipio. Nos anos 70 e 80 existiu un terceiro: a minaría de cobre. Unha minaría que deixou como consecuencia a contaminación da terra e da auga. Na actualidade a veciñanza de Touro e da contorna, organizada na Plataforma Mina Touro-O Pino Non, trata de paralizar o proxecto de reapertura da antiga explotación.

As pegadas de Río Tinto en Touro

José Manuel Rilo Munín ten 69 anos. A súa familia, como moitas, procedía do campo. «Touro non era nada, catro casiñas!», lembra. Cando contaba 23 anos entrou a traballar como peón na mina de cobre, xestionada pola empresa Peñarroya RioTinto Mineira dende 1973. Rilo foi ascendendo até chegar ao posto de capataz de voaduras. Nos 70 Touro contaba cunha poboación de 6.420 habitantes, 1.354 menos que na década anterior. Dende os 60 o número de habitantes de Touro non deixou de descender, mais co cobre chegaron os edificios de varios pisos e a vila medrou.

No 1986, debido ao baixo prezo do cobre no mercado, a rendabilidade da explotación mineira reduciuse e dous anos despois pechou definitivamente.

A extracción na mina levábase a cabo case as 24 horas do día e de luns a sábado. No 1986, debido ao baixo prezo do cobre no mercado, a rendabilidade da explotación mineira reduciuse e dous anos despois pechou definitivamente. Foi entón cando os terreos, xunto cos dereitos de explotación, pasaron a mans do empresario Francisco Gómez, que se comprometía a reverter o impacto da minaría. Hoxe a súa compañía, Francisco Gómez and Cía S.L., xestiona 2.744 hectáreas de terreo a través dunha filial, Explotaciones Gallegas S.L..

No lugar da mina opera no presente o Centro de Valorización Ambiental de Touro e O Pino, un conglomerado de empresas composto pola propia Explotaciones Gallegas S.L., que extrae áridos dos terreos, a empresa Tratamientos Ecológicos del Noroeste S.L., unha empresa xestora de residuos, e TYRMA, dedicada á reciclaxe de plásticos de uso agrario. Nos anos 2006 e 2007 Explotaciones Gallegas S.L. foi expedientada pola Consellería de Medio Ambiente de Galicia polo vertido de residuos non autorizados. Máis recentemente, en setembro do 2018, a empresa foi multada en dúas ocasións, con 30.000 e 20.000 euros respectivamente, de novo polo vertido de augas residuais e polo desbordamento dunha balsa.

plano_situación

A minaría na Galiza

No territorio galego, ao longo da historia, practicáronse os catro tipos principais de minaría. Até os 80, a minaría enerxética extraeu carbón do solo galego, para empregalo en centrais térmicas. A minaría metálica, de cobre ou wolframio, que tamén tivo importancia no século XX, é hoxe residual, aínda que existen proxectos para reactivar o sector: a mina de cobre de Touro é un exemplo. Os dous tipos de minaría que non deixaron de practicarse no país son a de minerais non metálicos (cuarzo, caolín) ou de canteira dedicados á construción (granito, lousa).

Xosé Ramón Doldán é profesor de Economía Aplicada na Universidade de Santiago de Compostela, membro da rede ContraminAcción e de Véspera de Nada. «Dende hai décadas a minaría foi perdendo peso en termo de ingresos e de emprego no país», explica. Non obstante, a minaría metálica «está vivindo un renacer». Na Galiza a empresa Mineira de Corcoesto S.L., filial da multinacional canadense Edgewater LTD., puxo sobre a mesa un proxecto de extracción de ouro na Costa da Morte, paralizado polo goberno autonómico a raíz das protestas e mobilizacións sociais. En Lousame, no sudoeste da Coruña, a compañía Sacyr tratou de reactivar as minas de volframio de San Finx. O proxecto foi levado aos xulgados debido a irregularidades no proceso e ao perigo ambiental que supoñía a súa posta en marcha.

Explica o profesor que os proxectos mencionados, así como outros en torno a minaría metálica, seguen un patrón similar: «Para aumentar a rendabilidade das explotacións levan a cabo unha minaría moi agresiva, con menos persoal e moi especializado e acurtando a vida útil dos recursos minerais. Empregan pequenas empresas pantalla, con sede en Galiza, detrás das cales operan empresas de maior envergadura ou grandes multinacionais».

Veciñanza contra as minas

O 17 de agosto de 2017 a Xunta de Galicia anunciou, a través do Diario Oficial de Galicia (DOG), o proxecto de reactivación da mina de cobre de Touro. O DOG sinalaba a Cobres de San Rafael S.L., filial de Explotaciones Gallegas S.L., como a adxudicataria dos dereitos mineiros até o ano 2068. Cobres de San Rafael S.L. naceu co apoio de Atalaya Mining Plc, unha multinacional mineira con sede en Chipre cuxo conselleiro delegado en España, Alberto Lavandeira, é hoxe socio solidario da propia Cobres de San Rafael S.L. O proxecto entregado á Xunta de Galicia describía unha mina de cobre de 689 hectáreas de afectación directa e con 14 anos de vida útil. «Unha explotación a ceo aberto por medio de explotación e voadura», segundo o DOG.

MANI_TOURO_03

Jesús Castro ten 42 anos e naceu e vive en Bama, no concello de Touro. Lembra ben as voaduras da antiga mina. «Sonaba sirena cando ían dinamitar ao medio día. A casa de meus pais era vella, tiña as típicas ventás de madeira verde e a da cociña, do solta que estaba, abríase cada vez que barrenaban», conta. «Antes da mina xa había gandería e cando pechou a xente aferrouse aínda máis a ela», explica Castro. «Co progreso da agricultura creáronse explotacións modernas, máis grandes», continúa. Ao carón do municipio de Touro atópase o de O Pino. Polo seu núcleo, Arca, transcorre o camiño francés, a poucos quilómetros da antiga explotación de cobre. «Arca cambiou moito nos últimos anos, o camiño trouxo peregrinos, albergues, bares». O propio Touro recibe parte desa afluencia. Con todo, a poboación do concello continuou descendendo.

Tanto Jesús como a súa filla María forman parte da plataforma Mina Touro-O Pino non. Ela é, con doce anos, a integrante máis nova. «Sempre houbo algún rumor de que ían reabrir a mina, a través dunha charla do Sindicato Labrego Galego enterámonos de que esta vez ía en serio», lembra Castro. En agosto do 2017, durante o prazo de exposición pública do proxecto, unha incipiente plataforma conseguiu presentar até 1.500 alegacións xunto a outros colectivos. Sinalaron o posible impacto da mina no medio, a súa proximidade a núcleos de poboación e granxas, a construción de dúas xigantescas balsas de lodos moi preto de casas, a instalación dunha liña de alta tensión de 14 quilómetros que uniría a mina cun encoro próximo ou movemento de grandes masas de terra (267 millóns de toneladas segundo a propia promotora).

MANI_SANTIAGO_23

Unha rede para defender o medio

Trala súa constitución, os primeiros pasos da plataforma Mina Touro-O Pino Non foron encamiñados á informar a veciñanza das implicacións do proxecto. Os seus integrantes alertaron da opacidade dos gobernos municipais de Touro e de O Pino e da compañía promotora. «A empresa comezou a dar charlas cando percibiu oposición, pero unicamente explicaba que crearían emprego, que todo sería marabilloso, sen contestar ás nosas preguntas», ironiza Jesús Castro. «Non queremos traballo a costa do medio, a costa dos ríos».

Dende a presentación do proxecto de reapertura iniciáronse dous camiños paralelos, que se atopan constantemente nas administracións galegas. Por unha banda o da veciñanza e diversas asociacións que tratan de paralizalo, presentando alegacións e mesmo denunciando a contaminación e o deterioro dos terreos da antiga explotación; pola outra a da empresa, que dende o 2017 trata de recibir o aprobado de distintos departamentos, entre eles o de Medio Ambiente.

«Para aumentar a rendabilidade das explotacións levan a cabo unha minaría moi agresiva, con menos persoal e moi especializado e acurtando a vida útil dos recursos minerais.»

Sen unha avaliación positiva en todos o informes sectoriais emitidos polas administracións autonómicas, Cobres de San Rafael S.L. non pode iniciar a súa actividade. No 2018 varios destes informes, entre eles o da Dirección Xeral de Saúde, o da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias, o de Augas de Galiza, o da Dirección de Patrimonio Natural ou o emitido polo Servizo de Montes de Medio Rural reflectiron deficiencias de fondo e forma, irregularidades ou incongruencias nos documentos da empresa.

Ao camiño iniciado pola plataforma Mina Touro-O Pino Non sumáronse plataformas cidadás de toda Galiza, como a Plataforma pola Defensa da Ría de Arousa. Hoxe forma parte da Rede ContraminAcción ou da rede Compostela-Ulla-Tambre, que reúne a asociacións próximas a Santiago de Compostela. En febreiro de 2018 comezaron as mobilizacións a pé de rúa cunha tratorada que percorreu o núcleo de Touro. O 10 de xuño unha manifestación masiva, convocada por un total de 134 colectivos, congregou en Santiago de Compostela a miles de galegos e galegas ao berro de «Mina non». Neste tempo máis de 20 administracións municipais amosaron o rexeitamento ao proxecto declarándose oficialmente contrarias á explotación. As protestas da veciñanza tiveron eco nas mesmas administracións europeas de Bruxelas, que recibiron en marzo do 2019 a unha delegación de plataformas galegas e do ámbito estatal.

mani

A minaría sostible na educación

Pola súa parte, o sector mineiro galego pechou filas para defender a viabilidade e sostibilidade do proxecto mineiro de Touro. O concepto de minaría sostible non é novo, explica o profesor Xoán Doldán: «O sector introdúceo nos anos 90 para dar resposta aos conflitos sociais que xorden en torno a proxectos extractivos». En febreiro de 2019 presentouse na Galiza a marca «Minería Sostible de Galicia», como contestación «a unha campaña de desinformación en contra do sector». No acto estiveron presentes o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e o presidente da Cámara Oficial Mineira, Diego López. As Cámaras Oficiais Mineiras representan no estado ás voces do sector, á vez que exercen funcións propias das administracións, como a xestión do Rexistro Mineiro de Galicia.

En febreiro de 2019 a Cámara Oficial Mineira recibiu unha subvención da Xunta de Galicia de 43.761,12 € para a elaboración de «unidades didácticas sobre minaría para nenos». Como resultado a marca Minaría Sostible presentou unidades didácticas dedicadas á Educación Infantil (3-6 anos), Educación Primaria (6-12 anos) e Educación Secundaria (12-16 anos). A campaña, que defende unha minaría moderna e pouco prexudicial para o medio ambiente, recibiu duras críticas por parte de asociacións medioambientais, pero tamén de sindicatos como a CIG-Ensino ou da Confederación de Asociacións de Nais e Pais Galegas.

mani

Apertura da vía xudicial

Ao tempo que Cobres de San Rafael S.L. trata de defender o seu proxecto, a empresa promotora continúa a acumular sancións. En marzo do 2019 a Plataforma pola Defensa da Ría de Arousa (PDRA) e a asociación ecoloxista Adega denunciaron ante a Fiscalía de Medio Ambiente dos regos e ríos da contorna da antiga explotación. Fins Eireixas é secretario xeral de Adega: «O núcleo desta denuncia son unha serie de probas analíticas que nos entregou Augas de Galicia en maio do 2018 e que contrastamos coas normativas de calidade ambiental para as augas dos ríos, ademais de cos parámetros e valores de referencia de contaminantes en augas de consumo humano».

Pola súa parte, o sector mineiro galego pechou filas para defender a viabilidade e sostibilidade do proxecto mineiro de Touro.

Tanto a PDRA como Adega sinalan á empresa xestora da antiga mina como responsable da contaminación, á vez que denuncian a inacción dunha administración que manexaba os datos que presuntamente e demostran. Queda que a fiscalía decida actuar e abrir unha investigación, ante o que Eirexas se amosa optimista. Os datos abranguen un período de de 10 anos, no que Adega detectou «niveis por enriba dos límites legais de contaminantes, algúns deles perigosos, nunha bacía fluvial de arredor de 65 quilómetros cadrados». «Durante todos estes anos», denuncia Eirexas, «a veciñanza estaba a captar augas que non estaban en condicións, os ríos baixaban contaminados. O Ulla asumiu parte desta contaminación, e iso transcende a irregularidade administrativa, estamos falando dun presunto delito contra o medio ambiente». «Xa está aberta a fronte social e a administrativa, abrir a xudicial pode resultar no abandono definitivo do proxecto», conclúe Eirexas.

[Artigo escrito em galego | Normativa RAG]


Texto de Raquel Cecilia Pérez


Artigo publicado no JornalMapa, edição #23, Abril |Junho 2019.




Fonte: Jornalmapa.pt